Luns, 30 de decembro de 2024.- O Goberno municipal do Incio conseguiu o compromiso do Pleno para que a Deputación de Lugo destine 250.000 euros á rehabilitación da Casona.
A Corporación aprobou por unanimidade a moción que presentaron os socialistas cunha emenda de engádeda do equipo de Goberno na que solicitan que a Deputación achegue os fondos pendentes comprometidos xa no ano 2015.
A iniciativa dos socialistas propuña reclamar a cesión da Casona da Cruz do Incio ofrecida pola Deputación de Lugo, actual propietaria do inmoble, así como a petición a outras administracións de fondos para a súa rehabilitación.
Emenda aprobada por unanimidade
No transcurso do Pleno extraordinario celebrado esta mañá o Goberno municipal presentou unha emenda á proposta dos socialistas, que foi aprobada por unanimidade, polo que lle darán traslado á institución provincial para que poida cumprir co acordo.
O Goberno local fixo esta petición en base a unha visita dos membros da Deputación ao Concello do Incio no ano 2015 na que avanzaban que “ese mesmo ano” se porían en marcha os traballos de remodelación de dito inmoble, que contarían cun presuposto inicial de 250.000 euros do organismo provincial.
Unha información que aínda hoxe se pode consultar na páxina web da institución provincial: https://deputacionlugo.gal/es/node/61982.
Tal e como explica o alcalde do Incio, Héctor Corujo, “nós aceptamos a cesión do inmoble, para o que recuperaremos o polígono que afecta a esta propiedade e farémonos cargo do proxecto, que terá un uso social, e reclamaremos que a Deputación de Lugo cumpra a súa parte do acordo coa cesión deses 250.000 euros”.
“Agora temos un acordo firme do Pleno que así o demanda, polo que agardamos que nesta ocasión a institución provincial e os socialistas cumpran co acordado e non quede en papel mollado, como nas anteriores ocasións”, precisou.









